Avançar para o conteúdo principal

OS CURRUMIÑOS

Agora que estamos no tempo do Entroido lémbrome de como era cando era pequeno. Daquela en Torroso (Mos) o Entroido era moito máis caseiro, sempre nos disfrazabamos con roupa vella que había nas huchas e no fondo dos armarios dos nosos pais ou dos avós. Cando estabamos caracterizados erámo-los currumiños. Os currumiños disfrazábanse para ir polas casas pedindo unha pesetiña ou un oviño. Acórdome que iamos casa por casa entoando unha ladaíña repetitiva: -cuuurumiiiño, cuuuurumiiiiño unha pesetiña, un oviño. A maioría da xente dábanos algo e facíanos rabear un pouco, pero había unha veciña que nos facía bailar o currú currú, era unha canción que só tiña esa letra, currú currú, cun ritmo que case sempre nos marcaba ela, dicíanos que tiñamos que gaña-lo que nos dese, era moi divertido. Os disfraces máis típicos eran de vellos, os rapaces disfrazábanse de mulleres e as raparigas de homes, de fantasmas cunha saba vella pola cabeza, de traballadores cunha funda, etc. Ó final do día repartiámo-los cartos ou comprabamos lamberetadas para todos e cos ovos faciamos tortillas. A nai dalgún sempre se ofrecía para facernos tortillas de patacas, con ou sen cebola, ó gusto, e entre as lambonadas e as tortillas faciamos unha boa merendola.

Comentários

Mensagens populares deste blogue

ESCARPÓN

O escarpón ( de escorpión ) é un insecto subterráneo que escaba galerías onde vive e se alimenta de raíces. Ó come-las raíces seca as plantas, polo que é prexudicial para os cultivos. Antes, cando se labraban as veigas mandábanse os rapaces a apañalos, xa que ó vira-la leibua o arado quedaban ó aire. O nome científico é Gryllotalpa gryllotalpa. Nalgúns dicionarios aparece o nome alacrán ceboleiro,  que curiosamente é idéntico ó nome castelán. Outros nomes en galego son relo , rela e tamén grilo ceboleiro .

O TEMPO

En galego para falar do tempo, tanto o cronolóxico coma o atmosférico, hai unha serie de expresións propias e diferentes dos idiomas veciños. Para falar do tempo cronolóxico empréganse tres verbos: HABER, FACER e IR, que moita xente confunde, supoño que por interferencia do castelán. O verbo HABER utilízase para falar dun tempo sen un principio nin un final determinado, sen unha referencia temporal expresa. Cando dicimos hai unha semana , hai un mes , enténdese que dende o momento en que falamos para atrás hai unha semana ou un mes, pero non se marca con precisión o comezo exacto. O verbo FACER utilízase acompañado dun adverbio temporal, que pode estar omitido, para indica-lo momento exacto a partir do cal contamo-lo tempo que queremos expresar: hoxe fai dúas semanas que marchou que é diferente de hai dúas semanas que marchou , onde se expresa unha temporalidade aproximada. Con este mesmo significado e uso o verbo FACER emprégase para os aniversarios, en galego os anos fanse non se